martes, 16 de decembro de 2014

Diario dunha incomprendida: Qu'est que nous sommes?


O outro día estaba na clase de francés. Tocaba hora coa lectora, a que lle pareceu unha boa idea abrir un debate, en francés por suposto, sobre a Independencia de Cataluña.

Eu ao principio decidín escoitar, e todo o mundo estaba en contra, ninguén entendía o porqué desa decisión, e sobre todo porque estaba tan estendido o “si á independencia” dentro de Cataluña. Tamén engadiron que lles parecía mal a falta de información de como se desenvolvería Cataluña se fóra independente.

Nun momento dado, a lectora preguntou se alguén estaba de acordo coa proposta, e eu decidín intervir.

Teño que admitir que non estou moi informada sobre esta reforma: non sei o que conleva; non sei se hai algúns intereses determinados por altos cargos, aos que lles convén a independencia e da que van a sacar proveito; non sei se o pobo Catalán está enganado... que non me informei vamos. 
O que si sei é como o Goberno Español está a admitir leis e leis que limitan a nosa liberdade de expresión. Leis empregadas para unificar España. Vexo como se intenta rematar coas culturas, linguas, coa identidade das terras. E recoñezo que me da medo a aproximación da España “unha, soa e libre” do franquismo. 

Como non vivo en Cataluña, non sei como se están a aplicar as normativas, pero eu vivo en Galicia, unha comunidade que igual que Cataluña, conta cunha lingua propia. Apróbanse leis que limitan o emprego das nosas linguas nas aulas de ensino obrigatorio, e xa, na universidade, se escoitas falar galego, estás de sorte.

Apróbanse leis que non permiten protestar, que non permiten a libre expresión, e nisto si que estou informada e podo opinar. Que ven vostedes na imposición da lei da mordaza? Que opinan de que se nos poida sancionar cunha multa de máis de 3000 euros por manifestarnos diante do Parlamento? E de que a resistencia pacífica, como sentarse na rúa, poida ser considerada legalmente coma un atentado contra a autoridade? Acaso a palabra dunha autoridade, como a dun policía, non ten máis valor legal que a dun cidadán? Perdoen se dubido que nestes intres España sexa unha democracia, se nin se pode gravar a acción dun policía nunha manifestación! Que sería ilegal gravar a un axente aínda que este estivera a pegarlle a alguén!

A miña intervención foi breve, dixen que a Independencia de Cataluña me parecía ben, pois polo menos eran os únicos que estaban a protestar e a loitar pola súa identidade. E se non explicaron como sería a Cataluña independente, ao mellor é porque nin eles o saben. Pero si poden adiviñar como será Cataluña dentro duns anos dentro de España, e é lóxico que intenten fuxir desta ditadura camuflada.

A reacción do resto da aula deixoume abraiada. Comezaron a rirse e a mirarme con esas caras que reflexaban pensamentos: “Que esaxerada é esta rapaza” “Pobre nena, que aínda non sabe nada do mundo” “Os adolescentes protestan por protestar” “Que tonterías di esta nena, unha ditadura!”. Todos eses pensamentos recorrían o meu corpo por medio dun escalofrío, e seguía a escoitar como se rían todos.

Decidín non volver a intervir, e deume pena. Non compartía xeración con case ningún dos que estaban presentes na aula, xa que en avanzado de francés hai poucos estudantes, so xente que pasa dos coarenta. Pero aínda así, acaso son a única que está a ver como se derruban os dereitos polos que os nosos antepasados tanto loitaron?

Sei que o meu enfoque da Independencia de Cataluña é moi diferente da do resto de españois, pero nin son tonta, nin estou pouco informada de como se atenta contra a identidade Galega, e cando digo Galega, tamén falo de Cataluña e do País Vasco, xa que a todos lles afectan as normativas. E xa non so na lingua. Eu quero seguir sendo libre, quero saír á rúa a protestar se algo non me parece ben, sen medo a rematar nunha cárcere ou nun hospital.

Non volvín a intervir na clase de francés, pero nada máis chegar a casa tiven que desafogarme. Sentíame incomprendida. Síntome incomprendida nesta ditadura tan ben camuflada.